O Centro de Dinamización de Betanzos presenta o seu programa para xaneiro


A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co Concello de Betanzos vén de anunciar máis actividades de achegamento ás Novas Tecnoloxías que terán lugar no mes de xaneiro na localidade coruñesa.

Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes:

- Mecanografía: o horario será de 18:00-20:00, os días 18, 19, 20, 21, 25, 26 e 27 de xaneiro.

- Iniciación ao procesador de textos Writer: os días 18, 19, 20 e 21 de xaneiro pola mañá en horario de 10:30-12:30 horas.

- Creación de contas de correo electrónico: terá lugar os días 4, 5, 7, 11 e 12 de xaneiro de 18:00-20:00.

- Alfabetización dixital: informática e internet: desenvolverase os días 4, 5, 7, 11, 12 e 13 de xaneiro de 10:30-12:30

Asemade, está prevista a realización de dúas charlas; a primeira levarase a cabo a partir das 11:30 do venres 8 de xaneiro e tratará sobre as posibilidades da formación en liña que ofrece a Rede de Dinamización e o día 22 de xaneiro a partir das 11:30 darase unha charla sobre o Google Earth e as súas posibilidades. Ambas as dúas teñen límite de prazas por “rigoroso” orde de inscrición.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre estas e outras actividades organizadas polo Centro de Dinamización da Sociedade da Información de Betanzos, poden dirixirse ao enderezo: rúa Emilio Romay s/n, chamar ao teléfono 981 77 13 00 ou mandar un correo electrónico a rebeca.betanzos@dinamiza.fundacioncalidade.org

Twitter entra en beneficios por venderlles as súas mensaxes aos buscadores

A rede social de mensaxes curtas obtén 17 millóns de euros a cambio de facilitarlles as súas mensaxes en tempo real a Google e a Microsoft.

A rede social Twitter xa se pode considerar rendíbel despois dos acordos asinados con Google e con Microsoft para que os seus contidos poidan aparecer nos dous principais buscadores da internet. En total, Twitter recibirá 25 millóns de dólares (uns 17 millóns de euros), dos que 15 proceden de Google e 10 de Microsoft.

Este diñeiro permitiralle á compañía con base en San Francisco rematar o exercicio 2009 cun lixeiro beneficio, despois de pagar uns custos operativos de entre 20 e 25 millóns de dólares. Twitter conta, segundo a súa propia web, con 105 persoas empregadas.

Dende o seu nacemento en 2006, a compañía reuniu 155 millóns de dólares en investimento privado. Porén, até este ano carecía de ingresos e, polo tanto, de beneficios. Os millóns de usuarios que se uniron ao servizo gratuíto de Twitter, que permite compartir mensaxes de até 140 caracteres, fixeron eses contidos moi gorentosos para os buscadores.

Tanto Google como Microsoft consideraban que os resultados das súas buscas estaban incompletos sen os millóns de mensaxes de Twitter, que se incorporarán en tempo real aos buscadores.

A Xunta promove a creación de proxectos tecnolóxicos relacionados co Xacobeo 2010

Se ata o de agora a celebración do Ano Santo nos servía a todos os galegos e galegas para levar o nome do noso país por todo o mundo e para dar a coñecer a nosa cultura alén das nosas fronteiras, o Xacobeo 2010 vai ser, se cadra, un dos máis proveitosos para nós, os que ficaremos aquí despois da agardada oleada de visitas, posto que servirá para deseñar e desenvolver novos produtos e servizos tecnoloxicamente innovadores dos que sacar proveito unha vez rematado todo o axetreo.

Esta é a intención da Consellería de Economía e Industria: dar pe á creación de iniciativas tecnolóxicas relacionadas co Ano Santo coas que darlle soporte aos turistas, peregrinos e público en xeral que se achegan á nosa terra á procura de novas emocións e paraxes, unhas ferramentas tecnolóxicas que, pasado este ano, nos servirán a nós no noso día a día.

Para iso, esta entidade vén de resolver axudas por valor de un millón de euros para proxectos levados a cabo por 10 empresas galegas, unha convocatoria extraordinaria de axudas destinada a fomentar proxectos que, co Xacobeo como punto de partida, contribúan ao obxectivo a longo prazo de cimentar o crecemento socioeconómico de Galicia no desenvolvemento das súas capacidades científico-tecnolóxicas, en especial as promovidas polo tecido produtivo. Por este motivo, esta liña de axudas está enmarcada no Programa de Innovación Empresarial do Plan Galego de I+D+I.

As aplicacións baseadas en dispositivos móbiles para localización ou xeorreferenciación e as ferramentas baseadas na Internet participativa ou web 2.0, tales como as redes sociais, son o eixe dalgúns dos proxectos aprobados, que se valoraron positivamente polos servizos de alto valor engadido que ofrecían. Porén outros dos aspectos especialmente valorados á hora de conceder as axudas foi a innovación tecnolóxica relacionada coa creación de contidos e plataformas virtuais especificamente vinculados á promoción do Xacobeo 2010 e á posta en valor do patrimonio artístico, histórico e cultural.

Asemade, segundo se indica no DOG, contan con apoio económico os proxectos relacionados coas infraestruturas tecnolóxicas e ferramentas destinadas á creación, difusión ou mellora de servizos audiovisuais de interese para a promoción ou soporte das actividades do Xacobeo 2010; as actuacións que permitan mellorar as tecnoloxías de restauración, inventario e estudo dos elementos históricos, artísticos e culturais vinculados ao Ano Santo; e aqueles proxectos que, con base nas TIC, permitirán darlle pulo á innovación e á mellora da competitividade e da calidade da oferta turística relacionada co Xacobeo: a promoción dixital do sector, a mellora das relacións cos clientes, o incremento da oferta de servizos e a diferenciación...

O Centro de Novas Tecnoloxías recibe o novo ano formando ao empresariado galego

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, non quere deixar de traballar en prol das TIC no vindeiro ano 2010 e xa vén de anunciar que para o mes de xaneiro, durante os días 19, 20 e 21, vai dar acollida a un laboratorio práctico orientado a formar a profesionais en ferramentas que permitan incorporar á empresa solucións de seguridade corporativa.

O curso vai dirixido a persoal ocupado, dos sectores público e privado, e responsables técnicos dos sistemas de seguridade, que obterán un coñecemento amplo sobre os sistemas de solucións en “situacións de risco”.

En total, terá un máximo de 15 participantes, que se poderán inscribir ata o próximo 31 de decembro, e que recibirán cadanseu certificado emitido polo Centro.

A selección, segundo veñen de anunciar os responsables do curso, “realizarase priorizando as solicitudes dos responsables que proporcionen un servizo cun amplo número de usuarios e aplicacións, e responsables de entidade de tamaño medio ou grande”.

Este tipo de sistemas sobre os que se impartirá o curso, segundo informan dende o Centro de Novas Tecnoloxías, “son unha necesidade nas organizacións en que a súa dimensións ou capacidade de crecemento deben manexar un alto número de usuarios e servizos, e cando esta xestión de contas se complica debido ao número de usuarios, a frecuencia dos cambios e a gran cantidade de aplicacións corporativas”.

Por exemplo, este sistema da solucións a situacións “de risco” para a empresa como a existencia de contas non asociadas a identidades, existencia de varias contas por identidade ou datos distintos nos diferentes sistemas de seguridade, referíndonse, por exemplo, á mesma persoa.

Polo tanto, a xestión de identidades permite obter un coñecemento profundo e inmediato de que e quen ten acceso aos recursos da empresa, evitando así accesos non desexados e usos incorrectos e ofrecendo, ao mesmo tempo, un maior coñecemento dos usuarios aos que se lles poderá ofrecer unha información máis axeitada e segura.

A Xunta anuncia a fusión da Rede de Dinamización e da de Telecentros nun só organismo


A Xunta de Galicia, segundo vén de anunciar hoxe mesmo Mar Pereira, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, vai por en marcha unha nova Rede Integral de Centros para dinamizar o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación no noso país, que fusione as antigas Rede de Dinamización e Rede de Telecentros, dous organismos que funcionaban co anterior Goberno e que tamén tiña como finalidade achegarlle as TIC á cidadanía con cadanseus recursos e maneiras de traballar.

Será unha rede que, segundo explicou, “garanta o uso racional dos recursos” e que, a través de profesionais e formadores especializados involucren á cidadanía na Sociedade da Información rachando coa fenda dixital existente nalgúns sectores e lugares.

Pereira, que interviu hoxe no Parlamento de Galicia, avanzou que en 2010 poranse en funcionamento os novos centros de Sarria, Ourense, O Barco de Valdeorras, Teo e Ribadavia, os dous últimos, engadiu, “inaguraranse o vindeiro mes”.

A secretaria de Modernización explicou que, “coa chegada do novo Goberno á Xunta existían dúas redes totalmente independentes e autónomas que sen embargo tiñan os mesmos obxectivos e estaban financiadas pola Xunta: a de telecentros, 56 aulas que dependían de Presidencia, e os da Rede de Dinamización, 60, da Consellería de Innovación e Industria”.

de forma eficiente e racional” a totalidade dos recursos dispoñibles. Neste sentido, Mar Pereira asegurou que, para o seu deseño, “foi necesario realizar un estudo en profundidade da situación de cada un dos centros e das duplicidades existentes, e analizar a demanda en cada localización”.

Esta nova Rede, segundo as verbas de Pereira, promoverá de forma “efectiva e real” o uso das TIC na poboación, e moi especialmente naqueles colectivos nos cales a fenda dixital é máis evidente, ademais de adicar unha especial atención ás pemes, micropemes e autónomos.

Asemade, a nova Rede, segundo engadiu Pereira, colaborará cos concellos galegos a través da FEGAMP, “para que acheguen o coñecemento da realidade local, o que permitirá cubrir 227 dos 315 concellos de Galicia”.

Por outra banda, Mar Pereira explicou que a Xunta enriquecerá a nova Rede co “apoio estreito e permanente” do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, deste xeito, engadiu, “a Rede terá a capacidade de proporcionar servizos de alfabetización dixital da poboación e dos colectivos onde a fenda dixital é mais evidente como o caso de mulleres, maiores, desempregados, dispacitados ou inmigrantes”.

Pereira engadiu que a nova Rede ofertará servizos de alto nivel a profesionais, con formación moi especializada e un Sistema de Certificación de Competencias no uso das TIC que, segundo explicou, “acreditarán as capacidades dunha persoa no ámbito da Sociedade da Información”.

Mar Pereira avanzou, por último, que o novo modelo de Rede despregará unha carteira de servizos axeitada e con capacidade para achegarse a toda a poboación, unha carteira de actividades formativas, de difusión e de alfabetización dixital que se presentará en xaneiro e estará presente en 2010 en 94 concellos de Galicia.

Industria ofrecerá 200.000 lectores de DNIe nos centros comerciais de Carrefour

O DNI electrónico está cada vez máis espallado entre a poboación español (chegando xa a máis de 13 millóns de cidadáns), pero o uso das súas prestacións avanzadas está limitado a un grupo moi reducido de usuarios, de aí que o Ministerio de Industria lanzase distintas iniciativas promocionais, entre as que está o reparto de lectores de DNIe de balde, que durante os últimos meses desenvolveuse a través da Internet en colaboración con distintos medios coma Código Cero, e que finalmente tamén terá unha contrapartida no mundo real, posto que dende hoxe mesmo distribuirán de balde máis de 200.000 packs que inclúen o mencionado lector e un CD co software necesario para o seu uso en máis de 70 establecementos de Carrefour.

Esta iniciativa está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e conta coa colaboración de empresas privadas coma Tractis, Jazztel, Acens e Caixa Galicia.

A Rede de Dinamización fai balance en Betanzos


Durante este ano os obxectivos da RDSI para Betanzos foron os seguintes:

* Integrar os elementos tecnolóxicos na vida dos usuarios/as.
* Promover o uso da aula de informática do concello como lugar de encontro, traballoe ocio.
* Coñecer os aspectos máis básicos do ordenador.
* Manexar con soltura o paquete OpenOffice e o navegador Mozilla Firefox.
* Recoñecer as diferentes vantaxes que nos ofrece Internet como ferramenta para anosa vida diaria (correo electrónico, teleformación, compras on-line....)
* Acercase á Internet dun modo responsable coñecendo as súas posibilidades comoferramenta de traballo e de ocio.
* Descubrir o mundo das redes sociais e as súas posibilidades como novas formasde comunicación .


Un total de 200 novos usuarios, dos cales 75 eran homes e 125 mulleres achegaronse a aula este ano 2009.

Realizáronse un total de 35 obradoiros cun total de 245 participantes, máis mulleres que homes. Estes obradoiros representan 295 horas de formación gratuita.

A Dinamizadora quere dar as gracias a todos aqueles que confiaron na Rede de Dinamización como ferramenta de aprendizaxe e anima a todas as persoas que así o desexen a participar nos novos obradoiros que se levarán a cabo a partires de xaneiro do 2010.

O blogomillo non morreu, mudouse para as redes sociais

Tres anos despois do anunciado pasamento, o número de bitácoras na nosa lingua segue a medrar e a comunidade coordínase arredor da web 2.0.

Dende que, xa hai máis de tres anos, Xabier Cid anunciase a morte do blogomillo, a comunidade internauta do país mudou, mais segue viva. Aquela estrutura creada arredor das bitácoras evolucionou, como evolucionou a rede en si, e as redes sociais van substituíndo ou, cando menos, complementando, os xa case clásicos blogs.

Naquel ano 2006 nacía Chuza, a web galega de novas escollidas mediante un control editorial non xerárquico. A partir dese momento, foise convertendo nun punto de encontro para o blogomillo ou, cando menos, para os internautas do país, aínda que non deixou de recibir queixas por sufrir un certo grao de endogamia que, lonxe de diminuír co paso do tempo, foi aumentando. Este ano 2009 superou as 21 mil novas publicadas, fronte ás 18.500 de 2008 e as 16.200 de 2007. Porén, a porcentaxe de informacións enviadas polo grupo de usuarios máis activo -que foi variando co tempo- é cada vez maior. Cada ano fóronse sumando a Chuza aproximadamente unha cifra constante de persoas usuarias, arredor de 1.400.

A suposta "morte do blogomillo" tampouco é tal, se temos en conta as estatísticas da 'araña' de Blogaliza. No seu último percorrido pola rede atopou 144 novos blogs, que elevan a listaxe do blogomillo até as 8.704 bitácoras. Tamén gozan de boa saúde no que se refire ás actualizacións, con máis de 160 blogs actualizados no último día e case mil na última semana. Pola contra, 5.774 levan máis de seis meses sen actualizar, o que deixaría a cifra de blogs activos en algo menos de tres mil.

Parece evidente que, coa incorporación de cada vez máis poboación á "era dixital", tamén medrará o número de blogs. Porén, nos últimos tempos, novas fórmulas de participación na rede están a compartir espazo coas bitácoras. Por unha banda, as redes sociais están a servir en moitos casos como porta de entrada aos blogs, ou mesmo chegan a substituír a súa función. As que teñen máis uso no país son Facebook, con interface en galego dende xa hai tempo; de Tuenti, na nosa lingua dende hai só unhas semanas, e mais a rede social autóctona, Cabozo. As facilidades que ofrecen para compartir textos, imaxes ou vídeos á nosa rede de contactos instantaneamente superan as que ofrecen os blogs e o seu sistema de comentarios.

O mesmo acontece cos mini e microblogs, representados por plataformas como Tumblr ou Twitter, e a súa versión galega, Lareta, que permiten publicar todo tipo de contidos dun xeito sinxelo e inmediato. Por unha banda, Tumblr acabouse por converter nunha sorte de bitácora breve e rápida, coa posibilidade de publicar entradas de texto, vídeo, audio ou fotografías e redifundilas dun xeito sinxelo.

A nivel microblogs, ademais de existir a nosa Lareta, o internacional Twitter ten o galego entre as 20 linguas máis empregadas, segundo un estudo, o que demostraría que existe unha comunidade de usuarios moi activos en Galiza que contan a diario as súas experiencias e achados mediante breves mensaxes de texto. Con todo, os novos medios non van matar os blogs, ou cando menos non o blogomillo, pois son só un medio máis de expresión da blogosfera do país.

Unha empresa galega de deseño web recibe o recoñecemento da UE

A galega Factoría Eurodigital, unha empresa con sede en Pontevedra con máis de dez anos de experiencia no campo do deseño e do desenvolvemento de produtos audiovisuais en liña, vén de recibir un importante recoñecemento ao seu labor por parte da Unión Europea, que logo dunha década facendo reais os proxectos de outras empresas, chega nun momento de auxe para esta entidade.

A firma, á que lle debemos a creación de portais tan interesantes como www.descubregalicia.com e www.virtualplanet360.com, foi distinguida pola Unión Europea de entre máis de 1.500 proxectos pola súa faceta innovadora e creativa, dúas características que definen á perfección as ferramentas creadas polos seus deseñadores.

Esta distinción aínda adquire máis relevancia se temos en conta que 2009 foi declarado Ano Europeo da Creatividade e Innovación e que xunto a Factoría Eurodixital unicamente outras 16 empresas españolas foron recoñecidas no marco dun programa destinado precisamente ao fomento de iniciativas innovadoras e creativas.
Un grupo de expertos independentes responsables do desenvolvemento dos programas da Comisión Europea no ámbito da innovación foron os encargados de seleccionar as propostas que máis se axeitaban ao programa marco, entre os que saíu escollida a iniciativa galega.

Para José Manuel García Fernández, director de Factoría Eurodixital, este recoñecemento por parte da Unión Europea representa o “colofón a unha traxectoria que se iniciou fai agora 10 anos, cando un grupo de mozos entusiastas das novas tecnoloxías puxeron en marcha este proxecto con máis vontade que medios”.

A Xunta evitará duplicidades e porá en marcha un modelo territorial único de recursos para a sociedade da información

O obxectivo é poñer a traballar en sintonía a todos os telecentros de Galicia, cunha planificación conxunta e optimizando recursos

O Goberno galego buscará o consenso coa Fegamp e os concellos para deseñar un financiamento que garanta a sostenibilidade no tempo do proxecto

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, avanzou hoxe no Parlamento que o Goberno galego integrará nunha soa rede as diferentes redes de telecentros existentes, de tal xeito que por primeira vez Galicia terá un modelo territorial único de recursos para a sociedade de información.

En resposta a unha interpelación parlamentaria, o conselleiro recordou que ata agora coexistían a Rede de Dinamización da Sociedade da Información –dependente da anterior Consellería de Innovación e Industria- e a Rede de Telecentros de Comunicación da Xunta –da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual-, o que producía duplicidades e ineficiencias, xa que non había nin planificación conxunta, nin traballo compartido nin coordinación algunha.

Fronte a iso, Alfonso Rueda destacou que a Xunta daralle continuidade á Rede de Dinamización da Sociedade da Información cun proxecto global que unifique, baixo unha mesma marca e un mesmo modelo de xestión, ao conxunto de centros destas características existentes a día de hoxe en Galicia.

Unha auténtica rede de redes que permitirá integrar aos axentes implicados cunha estratexia definida e optimizar recursos, a partir dunha planificación e xestión unificadas. Na primeira fase deste proxecto contémplase o funcionamento conxunto dos centros existentes de titularidade da Xunta, un obxectivo que conta con máis de dous millóns de euros nos orzamentos autonómicos para o vindeiro ano 2010.

Coordinación coa Fegamp
En paralelo, e segundo anunciou o conselleiro, establecerase unha coordinación cos concellos e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), para abrir a rede aos municipios e conseguir un despregue racional do sistema. Tamén coa Fegamp se traballa para artellar un esquema de financiamento consensuado cos concellos, para o sostemento do persoal en todos os centros da rede e con vocación de continuidade, xa que ata agora estes traballadores non tiñan estabilidade laboral.

O obxectivo do proxecto, que capitaliza a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, é poñer a traballar en sintonía todos os telecentros que existen en Galicia -329 entre as distintas redes-, planificando un modelo de rede único que funcione baixo as premisas da eficiencia e a austeridade, coa idea de xerar valor engadido na aposta polo coñecemento e sobre a base da colaboración entre todos os axentes, institucións e administracións.

Nese sentido, o deseño do modelo garantirá o exercicio dun liderado transversal do Goberno galego no impulso dun modelo de colaboración estable coas entidades locais. Ademais, permitirá definir unha carteira de servizos, actividades e recursos para toda a rede, buscando a súa especialización e complementariedade. Así mesmo, facilitará a integración na rede de novos recursos de valor engadido sobre os xa existentes.